15 Out A loita do pobo palestino é unha causa universal
Unha vítima non mata outra.
E nesta historia hai un asasino
E unha vítima.
Mahmud Darwish (Cadáveres anónimos)
A historia terminou. Xa non serve máis. Nin para explicar o presente nin tampouco para alimentarmos a esperanza de que as cousas podan, talvez, mudar. Non. A historia desapareceu. Para os opresores, o seu lugar foi ocupado por mitos imperiais ou relatos relixiosos. O destino manifesto. A cruz e a espada. O pobo elixido por Deus. Para os oprimidos fica apenas a non historia. A negación da memoria, a desposesión e o exterminio. Para uns a historia é revisada e deturpada. Para os outros é, simplemente, negada.
É claro que ese tal fin da historia opera como unha ferramenta de xerarquización entre países, pobos e persoas. Nada novo. Foi dese xeito que o colonialismo europeo xustificou o seu dominio sobre América, África e Asia. É así tamén que o sionismo, fillo dilecto desa ideoloxía colonial e racista, afirma hoxe o seu dereito a fundar un Estado de base étnica, só para os xudeus, desposuíndo os palestinos da súa terra, da súa memoria e, en última instancia, da súa vida.
Negar a historia, pois, é útil para esconder a realidade brutal da ocupación sionista. Para cualificar como terrorista a lexítima resistencia militar, cultural e política do pobo palestino. Para presentar o xenocidio como lexítima defensa. Ou para defender o carácter democrático dun Estado que practica o apartheid. Mais, sobre todo, negar a historia serve para matar a esperanza de que as cousas poden, algún día, ser diferentes. Negar a historia de Palestina é, ao cabo, negar ao pobo palestino o dereito de escribir a súa historia.
E é precisamente por iso que a loita do pobo palestino é unha causa universal. A causa de todas as persoas decentes. Porque nas rúas e nos campos de Gaza, de Xerusalén e da Cisxordania tamén se loita por nós. Polo noso dereito, como pobo de Galiza, a sermos protagonistas da nosa historia. E tamén polo noso dereito, como persoas, a mudarmos
de vez este estado de cousas.
Eppur si muove. O mesmo que a terra xira, a historia segue avanzando. E a resistencia de Palestina é a afirmación de que, a pesar de quen a nega, a historia existe e a escreben os pobos. Esa mesma historia que nos ensina que se hoxe toleramos o xenocidio en Palestina mañá podemos ser nós, as nosas fillas e os nosos fillos, as próximas vítimas.
Palestina vencerá, e con ela, venceremos tamén todos e todas nós.
Galiza, abril de 2024
Carlos Aymerich Cano
Sen comentarios