“Ignoramos moito sobre nós mesmos”. Prefacio

“Ignoramos moito sobre nós mesmos”. Non é unha crítica á ineficacia do sistema educativo. Máis ben seríao á súa eficacia como axente desgaleguizador. Unha crítica, si, ao colonialismo, a unha das consecuencias máis graves deste: apagar o noso pasado, esvaer e distorcer as expresións significativas da nosa cultura e da nosa identidade. A amnesia cultural que tan ben retratou Albert Memmi: “O colonizado parece condenado a perder progresivamente a memoria”.

Moito antes do franco-tunesino sinalábao, sen teorizar ao respecto, senón abordándo en forma poética mais con absoluta clarividencia, un dos nosos grandes escritores ao que F. Rodríguez prestou atención como crítico literario, Curros Enríquez. No poema ‘N-a tumba de Rosalía’, Curros denuncia con contundencia a proscrición do propio, o “pecado” que implica “relembrar fazañas”, e a valorización do alleo, as “glorias estrañas” que nos fan “ler a couces e pancadas”. A imposición da historia, da lingua e da cultura española e a pretensión programada de apagado da nosa.

Consciente disto, Francisco Rodríguez púxose logo á tarefa intelectual de rescatar e desvendar o propio. Quer no ámbito da análise socio-lingüística, da crítica e estudos literarios ou, máis recentemente, no da historia. E non por acaso, frente á deturpación interesada, centrou durante anos o seu labor en restituír Rosalía na súa verdadeira dimensión literaria, política e mesmo humana.

Lembremos que os fieis servidores do proceso de asimilación política, cultural e lingüística da Galiza foron cedo moi conscientes do potencial nacionalizador da obra rosaliana e da propia Rosalía como símbolo da resistencia galega e non dubidaron en tentar desactivar o perigo que implicaba deturpándoa, desvalorizando o seu significado e calidade e mesmo desconsiderando a súa figura. Non por acaso, a primeira tese de doutoramento sobre a nosa autora presentada nunha universidade galega é de 1988 -máis de 100 anos após a súa morte- e débese precisamente a Francisco Rodríguez.

Katherine Davies, estudosa rosaliana que tiña presentado unha tese sobre a nosa poeta catro anos antes, asegura que o libro que recolle a de Rodríguez, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, foi nesa época o libro que ela tería “querido escribir” aludindo aos datos prolíficos que recolle mais tamén pola súa “perspectiva diferente, valente e orixinal”.

Con efecto, o estudo de Francisco Rodríguez resultado dunha amplísima documentación e da análise rigorosa, marcou un antes e un despois na lectura da obra rosaliana e na avaliación da súa relevancia no marco das literaturas do seu tempo e aínda a respecto da significación cultural e política na afirmación do dereito da Galiza a existir e a ser ela mesma. Con todo, o propio Rodríguez confesa que con este libro non esgotou a investigación sobre Rosalia, “nen sequer esclarecin definitivamente alguns aspectos da sua obra e da sua imaxe do mundo, pero teño a certeza de que re-orientei, nunha liña máis acaída e verdadeira, a sua análise”.

En consecuencia, viría aínda despois Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (2011) en que analiza a totalidade da obra rosaliana, co mesmo declarado obxectivo de restituír na súa dimensión real a persoa e a obra. Mesmo así, Rodríguez volta unha e outra vez a Rosalía, quer dunha perspectiva analítica, quer cun afán divulgativo, absolutamente necesario para tirar dun ámbito académico moi mediatizado e pouco interesado unha cuestión que, na verdade, ten unha grande transcendencia social e política, porque non se trata apenas de crítica literaria, fala de nós, de quen somos e de se seremos de capaces de nos recuperar da amnesia, de rescatar a memoria perdida para andarmos o camiño que nos leve ao horizonte que Rosalía soñou.

Desa dimensión extra-literaria de Rosalía foi logo consciente o nacionalismo que, desde entidades e institucións ligadas a el, tentaron sinerxías co labor intelectual e analítico orientado á obra rosaliana, especialmente no ámbito da divulgación e popularización dunha outra Rosalía. Penso, por exemplo no pioneiro e colectivo Rosalía de Castro. Unha obra non asumida (Xistral, 1985), en que, para alén de Rodríguez, achamos outras valiosas voces de intensa vinculación rosaliana, de Carvalho Calero a Pilar García Negro.

O certo é que todo ese labor conseguiu deitar por terra os estereotipos máis burdos con que tentaran anular a potencia simbólica de Rosalía e da súa obra. Hoxe é innegábel que a nosa autora gañou unha dimensión social inequívoca mesmo a pesar do papel, por omisión, das institucións públicas galegas, políticas e culturais. Frente ao tópico tradicional, unha nova visión da nosa poeta está xa instalada en amplos sectores da sociedade, especialmente nos máis novos: Unha Rosalía valente, pioneira, feminista, que abriu nun contexto moi difícil camiños para a literatura en galego e para as mulleres.

Quere iso dicir que xa está todo feito en relación co rescate da verdadeira Rosalía. Francisco Rodríguez é contundente ao respecto:  “sen negar que os rituais tradicionais sobre ela, os que afondaron nunha imaxe falsificada de santiña, muller angustiada metafisicamente e escritora ruralista, foron substituídos hoxe por outros nos que se vende unha certa imaxe rompedora, especialmente  feminista, para consumo marxinal e interno, sen que a revalorización da súa obra nin o perfil da súa personalidade queden prístinos”.

Alude Rodríguez a diversos aspectos da figura rosaliana que é preciso tomar en consideración, mais de forma central aparece a dimensión patriótica de Rosalía, aínda non asumida. Francisco Rodríguez argumenta e documenta como para Rosalía ser escritora en galego fai parte dun proxecto político-cultural perfectamente consciente de defensa da Galiza e das clases populares -maioritariamente labregas na altura- nun momento precisamente en que se acentúan os mecanismo de asimilación política, lingüística e cultural coa construción do Estado español unitario.

Con certeza que convirá revisar e revisitar a dimensión política patriótica do movemento que deu lugar á Revolución Galega de 1846 e como a derrota político-militar puido fanar un programa que tiña no horizonte unha Galiza de seu, de modo que nas décadas posteriores moito tivo que ser recomezado de cero ou case. En todo o caso, Rodríguez profundiza nesa dimensión patriótica de Rosalía e tira conclusións ben claras. Á pregunta de se era Rosalía nacionalista, responde: “Sen dúbida algunha. Radicalmente nacionalista e de temperamento tan independente como independentista”. E acrecenta: “Sen unha convicción claramente nacionalista esta obra  literaria non se tería producido coa fondura de sentimento con que se produciu nin coa súa radical negación da españolidade da Galiza”.

Da man de Francisco Rodríguez descubrimos unha Rosalía pioneira non só nas escrita en galego, mais tamén na defensa da Galiza frente ao proceso de asimilación política polo novo Estado centralista español, coñecedora das ideas socialistas e profundamente identificada coas clases populares galegas, especialmente coas mulleres labregas. Unha Rosalía coraxosa, consciente do seu papel e determinada a exercer como escritora pese a quen pesar e asumindo os custos persoais desa decisión. Unha muller heterodoxa en múltiples aspectos. Unha galega que só se identificou coa súa patria e que nunca desertou da causa da Galiza, nin mesmo cando renunciou a continuar escribindo en galego.

As persoas que coñecemos a Francisco Rodríguez, as que debatemos con el, recoñecemos tamén nel algunha interesante pegada da nosa poeta nacional. Cando se trata de sintetizar o labor premente do presente, teno moi claro: afirmar que “a Galiza existe”. De aí deriva todo o resto. Fermosa reminiscencia rosaliana.

Vale moito a pena ler esta obra, porque as afirmacións de Francisco Rodríguez nunca son gratuítas; parten como dixemos dunha profusa documentación e dunha rigorosa análise. Estamos diante dunha colectánea de artigos que teñen como motivo condutor desvendar a auténtica Rosalía e a súa obra. Uns de carácter máis divulgativo e outros de maior calado analítico, recollidos de publicacións especializadas. Todos de enorme interese e necesarios nese labor sempre inacabado de recuperarmos a memoria para saber a onde queremos chegar como pobo.

Néstor Rego

tempogaliza
editora@tempogaliza.gal
Sen comentarios

Escribe un comentario