17 Set Unha lectura galega de ‘Independencia é revolución’
No outono de 2017 a Catalunya viviu o momento álxido dun proceso soberanista de largo apoio popular que, se ben non consegiu alcanzar a independencia, abalou como nunca antes os alicerces do Rexime de 78 e colocou en cuestión o Estado español monárquico e unitario. Nesa medida, foi un proceso que tamén tivo a ver connosco e por iso, para alén de concentrar a atención e o debate político durante moito tempo no conxunto do Estado, foi seguido co grande antención na Galiza, especialmente por parte do movemento nacionalista, que ademais mantivo unha permanente solidariedade expresada tamén na rúa.
Este libro de Albert Botran reflexiona con seriedade e rigor sobre ese proceso, sobre as súas fortalezas e fraquezas, sobre os seus antecedentes, mais tamén sobre as perspectivas de futuro, a partir dunha visión esperanzada, de convicción de que o futuro dos Països Cataláns será de liberdade. Que esta obra sexa publicada agora en galego reviste grande relevancia. A comezar porque moitas das análises e reflexións que Botran realiza a respecto da Catalunya fan parte tamén dos debates do nacionalismo galego sobre tácticas e orientacións políticas para mellor avanzarmos no camiño da soberanía.
É evidente que este libro pode ser lido exclusivamente co obxectivo de saber máis sobre o proceso soberanista catalán e de coñecer un determinado punto de vista ‘de dentro’ do movemento independentista. Só por iso, paga moito a pena unha lectura que, para alén do máis, resulta amena e moi esclarecedora. Porén, moitas veces será inevitábel pensar que algunhas reflexións do autor non nos resultan alleas. Por iso, grazas á amabilidade do Albert e dado que estou a escribir para os lectores e lectoras da Galiza, quero aproveitar este Prefacio para apuntar algunhas cuestións que acho que poden ser de interese para unha ‘lectura galega’ da obra de Botran.
A Galiza e os Països Cataláns partillamos a condición de pobos oprimidos polo Estado español, se ben o momento, a xénese e as características desa dominación foron diferentes, o que tamén condicionou a evolución posterior de cada nación e a mesma conformación histórica de cada movemento nacionalista. No entanto, partindo de que se trata de realidades nacionais diferentes e sen ningunha caste de mimentismo -mal de que, por fortuna, nunca pecou o nacionalismo galego- da súa lectura sempre é posíbel tirar ensinanzas útiles sobre a experiencia dunha loita pola independencia nacional para fortalecer a propia.
Á partida, o autor explicita a vontade de abordar dúas cuestións chave: a independencia como ruptura -após ficar constatado que non é posíbel acometela como unha transición “da lei á lei”- e a ligazón do obxectivo da soberanía á realidade social, á posibilidade (e necesidade) de mudanzas sociais e económicas profundas, mesmo revolucionarias. Loxicamente, non me corresponde entrar na análise do escenario catalán e dos posicionamentos das forzas políticas independentistas -que, aliás, Botran realiza de maneira metódica- mais si é oportuno salientar que ambos os elementos entroncan con debates e posicións recorrentes no nacionalismo galego.
En relación coa ruptura como premisa para a soberanía, cabe lembrar que no ocaso do franquismo o nacionalismo galego agrupado no Consello de Forzas Políticas Galegas rexeitou o proceso de ‘Transición’ pactado pola esquerda española cos últimos xestores da ditadura e defendeu a necesidade dunha ruptura democrática que na Galiza pasaba por un proceso constituíte propio. Para iso elaborou unha proposta articulada de Bases Constitucionais da Nación Galego, acompañada das Medidas económicas para un programa de Goberno provisorio galego. Esta proposta, asumida e mantida no tempo polo BN-PG (AN-PG/UPG) foi extremamente útil para enfrontar a fraudulenta Transición española, a Constitución e o modelo autonómico encarnado no Estatuto de 1981.
Após décadas dun permanente proceso recentralizador, o nacionalismo galego reafirmou a análise de que o Estado español é irreformábel en sentido democratizador e de recoñecemento dos dereitos da nacións pois -como tamén esclarece Botran- nin o cadro constitucional o permite nin existe unha tradición de respecto democrático á vontade popular. En consecuencia, fica evidente que non é posíbel transitar por vías institucionais do actual cadro xurídico-político español a un recoñecemento do exercicio do dereito de autodeterminación e da soberanía, polo que só a ruptura democrática permitirá conformar unha República da Galiza democrática e soberana. O que -lonxe da calquera ideoloxismo estéril- non implica en absoluto renunciar á loita por avances democráticos e en autogoberno, por moi parciais e limitados que foren.
Por outra parte, a vinculación de loita nacional e social é unha constante nun nacionalismo galego que, pola evolución histórica da nación galega en situación de dependencia e a propia configuración do movemento de emancipación nacional se conformou como nacionalismo popular, situado ideoloxicamente na esquerda. É sintomático que o crecemento e a expasión do nacionalismo contemporáneo na Galiza fose estreitamente ligado á presenza e liderado de loitas populares, á mobilización do campesiñado e á organización sindical no mundo operario.
Aliás, a propia análise da realidade social galega levou o nacionalismo a considerar que só a soberanía permitirá desenvolver un proxecto político para e das clases populares , da maioría social da nosa nación. Especificamente, a UPG defende que apenas a previa ruptura da dependencia e o exercico da soberanía permitirán avanzar na Galiza para unha sociedade socialista. A independencia como revolución.
En todo o caso, resulta esclarecedora a análise que Botran realiza do impulso soberanista como elemento democratizador e da necesidade da soberanía para enfrentar os desafíos do futuro nun mundo en crise, para confrontar as crises provocadas pola voracidade do sistema capitalista e fenómenos conexos como o auxe do autoritarismo e da extrema dereita e a reconfiguración das relacións internacionais.
Gustaría de, a estes dous elementos que o propio autor salienta, xuntar aínda un outro que acho fundamental. A defensa que realiza, após a experienca de 2017, da necesidade de combinar o labor institucional e o traballo social e de mobilización para avanzar para a independencia. Tamén este é un foco de atención constante no nacionalismo galego: a utilidade -diríamos que a indispensabilidade- para un movemento rupturista ou revolucionario no noso contexto, de compasar o labor nas institucións coa organización e mobilización popular, sen desprezar nen esquecer ninguha delas.
Sinalaba con anterioridade que, mesmo partillando a situación de dominación política por parte do Estado español, a realidade nacional da Catalunya e da Galiza posúen singularidades que as tornan diferentes. Podemos apreciar facilmente como se expresan esas diferenzas en reflexións que no noso País ou non son abordados desa maneira ou non revisten a importancia e intensidade que encerran para o independentismo catalán. Só a título ilustrativo, sinalo apenas dúas.
A primeira, a constatación de que no ámbito do soberanismo galego nunca tivo presenza significativa o uso do termo ‘nacionalismo’ para aplicar á ideoloxía dominante española. Precisamente, por representaren posicionamentos antitéticos -libertador un, dominador o outro- sempre foi considerado que por pedagoxía social era preferíbel empregar outros máis descritivos e menos confusos, especialmente ‘españolismo’ que, se callar, coñece maior uso no soberanismo galego do que no catalán. No entanto, é claro, estou a falar dunha cuestión fundamentalmente de conveniencia ou oportunidade política, pois do punto de vista da ciencias sociais a conceptualización de Botran é impecábel.
A segunda, a preocupación por pensar a actuación do independentismo de esquerda nun País como a Cataluña que se foi conformando, xa desde hai moitas décadas, co contributo dunha inmigración masiva e diversa hoxe porcentualmente moi relevante, e, en consecuencia, por privilexiar o enfoque cívico/político frente ao ‘identitario’, embora non renuncie á función nacionalizadora da lingua e da cultura. Na Galiza o fenómeno migratorio foi fundamentalmente de saída e a inmigración pouco relevante, polo menos até épocas recentes. No movemento emancipador galego, lingua e cultura xogaron sempre un rol central, actuando políticamente como catalizadores esenciais, conformadores da identidade nacional. Isto foi e é compatíbel con que o nacionalismo galego optase sempre -con claridade desde Castelao- por unha visión cívica e integradora.
Mais, para alén destes elementos en que reparei, moitas outras reflexións van resultar, con certeza, enormemente proveitosas. Acho, por exemplo, que para moitos lectores e lectoras pode ser de grande interese aproximarse ao papel da “burguesía catalá” no movemento independentista e no procés, motivo de continuada e interesada manipulación mediática e política e que Botran esclarece de forma rigorosa, reivindicando o carácter popular do movemento independentista.
En todo o caso, esta obra de Albert Botran non deixará indiferente ninguén. Nun estilo vivo e próximo, agora na nosa lingua, achéganos á realidade dunha Cataluña que non renuncia á esperanza e que será capaz de abrir novos camiños para a liberdade. Que vos preste.
Néstor Rego
Sen comentarios