O libro Cantos de dor e liberdade recada 7151 € para a Palestina

A Editora Tempo Galiza e asociacións solidarias con Palestina na Galiza entregan á UNRWA os fondos recadados co libro Cantos de Dor e Liberdade. Voces Galegas por Palestina. A obra, que esgotou xa a súa segunda edición, é un proxecto colaborativo que reuniu 48 poetas e 14 artistas gráficas galegas. A doazón reforza o compromiso da cultura galega coa defensa dos dereitos do pobo palestino.

O libro Cantos de Dor e Liberdade. Voces Galegas por Palestina, presentado en xuño de 2024 e que xa esgotou a súa segunda edición, fai entrega á Axencia de Nacións Unidas para as persoas Refuxiadas de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) da doazón económica xerada polas súas vendas e os dereitos de autoría.
Froito do traballo colaborativo de 48 poetas e 14 artistas gráficas, a obra naceu co propósito de ofrecer un enfoque diferente e dar voz a outras miradas solidarias con Palestina. Durante estes dous anos de traxectoria, as autoras e as organizacións participantes levaron o proxecto a numerosos eventos culturais por toda Galicia, cultivando un amplo recoñecemento tanto do público como do ámbito literario. Entre os seus fitos máis salientables figuran o Premio Follas Novas á Iniciativa Bibliográfica en 2025 e a súa presenza en festivais chave do circuíto galego, como o Festival de Poesía do Condado, o Festival de Partiñas ou o Festigal en Compostela, alén de en múltiples asociacións culturais e representantes do tecido asociativo galego.
As entidades organizadoras subliñan o significado ético e político do proxectos e sinalan: “Cremos que a denuncia do xenocidio do pobo palestino, de décadas de ocupación ilegal e a repulsa dos crimes dos que somos testemuñas a diario deben estar presentes en todos os ámbitos da sociedade. A cultura e a educación son clave na preservación, a transmisión e o futuro da identidade dun pobo”.
Desde a UNRWA, pola súa banda, lembraron o papel fundamental que a axencia desempeña desde hai décadas na rexión, así como a crítica situación humanitaria que atravesa Gaza na actualidade. Así mesmo, denunciaron os intentos do Gobierno israelí de prohibir e obstaculizar o seu labor, defendendo a necesidade de que a comunidade internacional continúe apoiando a súa misión.

O proxecto, editado por Tempo Galiza, contou coa participación da Asociación Galiza por Palestina — coordinadora da edición—, así como das asociacións Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía e a Asociación Galaico Árabe Jenin.
Con esta iniciativa, as entidades promotoras reafirman o seu compromiso activo coa causa palestina e subliñan que a UNRWA desempeña un rol imprescindible non só na axuda humanitaria, senón tamén na defensa da memoria, a identidade e a cultura do pobo palestino.
A doazón total, que ascende a 7151 € a día 23 de xullo, destinarase integramente aos programas de emerxencia e educación que a axencia desenvolve na rexión.

tempogaliza
editora@tempogaliza.gal
No Comments

Post A Comment